Mércoles, 06 de Setembro de 2006
O 5 de outubro, como un día máis, IMAN AL HAMS, unha nena palestina de 13 anos, dirixíase ao seu colexio en Rafah. Neses momentos non coñecía o futuro que lle agardaba. Iman morreu tras recibir máis de vinte disparos do exército israelí e foi rematada no chan por un capitán do exército sionista de ocupación. Iman pasou a convertirse nunha máis na lista de mártires que tristemente non se esgota. Estamos a ver como se aplica o exterminio xeralizado do pobo palestino, invasión dos seus territorios por parte do exército ocupante, asasinatos, secuestros, violacións, bombardeos a campos de refuxiados, destrución da economía palestina, expulsión de familias das súas vivendas e derrube dos seus fogares, eliminación dos dirixentes da resistencia popular contra a ocupación, e un longo etcétera.

Podemos afirmar que hoxe en día toda Palestina é un inmenso campo de concentración enfocado a exterminar aos homes e mulleres que conforman a nación palestina. Un campo de concentración rodeado por un muro que aínda reduce máis os territorios d@s palestin@s condead@s a vivir nun deserto ou na diáspora. É paradóxico que os que un día sufriron a persecución e o xenocidio por parte da besta negra que foi o fascismo, se convirtan agora nos seus ilustres herdeiros.

Todos e todas nos preguntamos que é o que fan os organismos internacionais, que fan a Unión Europea, a OTAN, os EEUU. Que fai o mundo chamado civilizado? Para poder respostar a estas preguntas cómpre analisar a historia mesma da creación do Estado sionista-imperialista de Israel.

Tras a II Guerra Mundial os imperialistas norteamericanos comezaron a maniobrar para estabelecer o seu control e dominación no Oriente medio. Para iso organizaron, apoiaron e financiaron (principalmente a través da organización sionista americana) o éxodo de milleiros de xudeus co fin de estabelecer o Estado de Israel nas terras de Palestina. En 1948 os xudeus estabelecidos en Palestina proclaman a creación do Estado de Israel. A comunidade internacional prégase e recoñece ao novo Estado fundado nas bases do sionismo, o cal sostén que o pobo xudeu é o “pobo elexido” por deus e que Palestina é a súa terra prometida. A partir de aquí e durante máis de 54 anos os palestinos son expulsados das súas terras e condeados ao exilio e á persecución, mentres o imperialismo condeaba de palabra, mais apoiaba militar e economicamente a Israel cando non usaba o seu “dereito de veto”, e condeaba e calificaba a loita de liberación nacional do pobo palestino como “terrorismo”.

Os poderosos medios de comunicación burgueses encárganse de presentarnos, o que na práctica é un xenocidio, como un conflito, unha guerra entre pobos irreconciliábeis. Preséntannos colonos israelís armados até os dentes coa misión divina de colonizar a terra de Palestina, como vítimas de atentados e accións da guerrilla palestina. Partimos do convencemento de que a resistencia do pobo palestino é plenamente xusta e lexítima. Non se pode condear a quen se enfronta a tanques e helicópteros con paus e pedras. Non se pode condear a unha nación que emprega os únicos medios dos que dispón, para enfrontarse a un dos mellores e máis sofisticados exércitos do mundo, que non esquezamos posúe un arsenal nuclear non declarado, co fin de intimidar aos seus posíbeis inimigos.
Escribiuno o PalestinaVencera @ 13:26  | Noticias
Criticame (0)  | Enviar
Criticame